R e o CITIC organizaron obradoiros para todos os públicos no marco da Mobile Week

luns, 26 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Segue adiante (até pasadomañá) o evento Mobile Week Coruña con todo tipo de accións mobilizadoras e capacitadoras para familiarizar coa vangarda dixital a xentes de todas as idades. Entre os elementos activos da semana atópase o operador de raizame galega R. Alén do patrocinio en si mesmo, a empresa de telecomunicacións cooperou esta finde (na primeira edición do dito acontecemento), con obradoiros de robótica para a rapazada e con charlas para educadoras e educadores sobre o emprego de novas tecnoloxías para a mocidade nada na era dixital. Os talleres esgotaron as entradas dispoñíbeis.
En detalle, a contribución divulgadora de R á Mobile Week (como lembraremos, organizada polo Club Financeiro Atlántico en colaboración co Concello e da Deputación da Coruña e máis AMTEGA) deu comezo este sábado, cos obradoiros tecnolóxicos Crea R celebrados no Centro de Investigación TIC (CITIC), dúas citas concibidas para cativas e cativos de entre 7 e 13 anos e co obxectivo de estimular a súa creatividade e espertar o seu espírito emprendedor. As actividades tiveron varias quendas: unha primeira, para nenas e nenos de 7 e 8 anos, de 10:30 a 12:30 h, outra para a rapazada de 9 e 10 anos, de 12:30 a 14:30 h, e, xa pola tarde, de 17:00 a 19:00 h, unha máis para rapaces de 11 a 13 anos. Durante o obradoiro, os cativos tiveron ocasión de dar forma a un prototipo tecnolóxico utilizando placas e materiais reciclados (cartón, plástico, plastilina, cordas...) para construír estruturas.
O sábado, amais do devandito, R implicouse na Mobile Week Coruña cunha nova charla do ciclo Nativos R, tamén de balde. Nativos R é unha iniciativa para acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, enchoupándose nel, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as novas tecnoloxías. A idea, unha vez máis, foi mobilizar os diferentes integrantes do núcleo familiar ou do tecido docente.
Como dixemos, ambas as dúas accións desenvolvéronse o sábado 24 de novembro no edificio do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, CITIC, entidade que dende hai semanas vén colaborando activamente con R na preparación destas iniciativas para a Mobile Week Coruña.
As actividades formativas e divulgativas de R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta -a través da AMTEGA- para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás, amais de educar no uso das novas tecnoloxías a persoas de todas as idades.

PUBLICIDADE