R e as universidades da Coruña e Vigo revalidan a súa aposta pola Cátedra R en Ciberseguridade un ano máis

venres, 31 de marzo do 2023 S. P.

Os reitores das Universidades da Coruña (UDC) e de Vigo (UVigo), Julio Abalde e Manuel J. Reigosa, respectivamente, xunto a Alfredo Ramos, director de R, asinaron na mañá deste venres 31 de marzo, na sede coruñesa do operador galego, o convenio para a renovación da Cátedra R en Ciberseguridade, a primeira cátedra interuniversitaria galega que se creou en 2018 para responder ás crecentes necesidades de coñecemento desta materia na sociedade e na empresa. A Cátedra, na súa nova andaina, introduce “unha novidade substancial no seu programa de actividades”, pois dende agora entre elas figurará a promoción e fomento da contratación de prácticas curriculares e extracurriculares do alumnado, explicaron.
Porén, a Cátedra R manterá intactos os alicerces que a sosteñen dende hai máis de catro anos para “promover o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario, mellorar a capacitación e ampliar os coñecementos técnicos e habilidades dos membros da comunidade universitaria e doutros profesionais”. Segundo engadiron Abalde, Reigosa e Ramos, a “meta última é adaptar ese coñecemento ás necesidades da empresa, fomentando a formación continua, a innovación e a investigación na área da ciberseguridade”.
Trátase , sinalaron, “dunha cátedra pioneira que abriu as portas á colaboración entre universidades do territorio autónomo, dispostas esta vez a traballar de xeito conxunto co operador galego R na contorna da seguridade dixital”.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel j. Reigosa, transmitiu a súa satisfacción por “formar parte dunha alianza público-privada na que se xuntan as universidades da Coruña e Vigo, onde temos importantes centros de investigación relacionados coas TIC en xeral, e contamos con especialistas de recoñecido prestixio a nivel internacional . De feito, apuntou, “a cátedra xa ten amosado ser unha ferramenta excelente para combinar as capacidades en I+D+i dos tres axentes que formamos parte desta alianza ”.
Á súa vez, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, agradeceu á empresa R que respalde a continuidade das accións promovidas con esta Cátedra R e celebrou que ese cartafol se amplíe arestora incluíndo, nas dúas universidades, prácticas para estudantes, actividades “fundamentais de cara a que o alumnado poida desenvolver o seu perfil profesional nutríndose da realidade laboral ”. Ademais, resaltou a relevancia do apoio da Cátedra R ao fomento da investigación e a innovación en seguridade dixital nun contexto de incremento dos delitos a través de Internet.
Pola súa banda, Alfredo Ramos asegurou que “para R segue sendo unha noticia magnífica dar percorrido a este traballo compartido coas universidades da Coruña e de Vigo, unha iniciativa que ten marcado un antes e un despois na relación entre os centros universitarios e o sector das telecomunicacións galegas . Queda aberto o camiño para que o público e o privado traballen conxuntamente a prol da divulgación de coñecemento e experiencia sobre ciberseguridade, afondando nos seus riscos e ameazas, desafíos e solucións . A súa relevancia evidénciase de xeito exponencial nos últimos tempos, actualmente na conxuntura de guerra en Europa e a crise económica derivada dela. Temos que seguir traballando para garantir a seguridade dixital de particulares e empresas; e a Cátedra R é unha vía idónea para realizar con excelencia este obxectivo”, manifestou.
Prácticas en R e máis ciber-retos
Como dixemos, as universidades galegas e máis R deseñaron unha Cátedra á que agora lle dan continuidade incorporando o capítulo das prácticas curriculares e extracurriculares en R. Trátase de dúas bolsas anuais para a Facultade de Enxeñaría Informática da UDC e outras dúas para a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de UVigo dirixidas a estudantes de Grao e de Máster, que poden incluír a realización do traballo de fin de grao ou de fin de máster (TFG ou TFM). A idea é capacitar profesionalmente os/as alumnos/as realizando esas prácticas en R baixo a dirección e supervisión dun/dunha titor/a académico/a do centro onde realizan os seus estudos. Para afrontar estes novos proxectos, a dotación económica da Cátedra R aumenta nun 50 % con respecto á edición anterior. Deste xeito, aplicaron os reitores e o director da compañía, “a Cátedra R revalida, por unha banda, a súa vocación de abertura a novas liñas de actuación e, por outra, a vixencia das actividades que a fundamentan (formación, divulgación e investigación)”. Ademais, mantense o patrocinio das Xornadas Nacionais de Investigación en Ciberseguridade (XNIC), que este ano celebrarán a súa VIII edición no mes de xuño para promover, coma sempre, o contacto, intercambio e discusión de ideas, coñecementos e experiencias entre a rede académica e de investigación, por unha banda, e profesionais e empresas por outra.
A Cátedra R seguirá igualmente organizando o concurso Capture The Flag (CTF), o reto de ciberseguridade onde compiten profesionais e/ou estudantes que poñen a proba os seus límites, habilidades e destrezas para resolver os desafíos presentados. A segunda edición de CTF celebrouse esta mesma semana no CITIC coruñés con participación telemática de estudantes do Máster de Ciberseguridade de Vigo.

PUBLICIDADE