R apoia a Mobile Week Coruña con patrocinio, obradoiros e charlas

martes, 20 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Entre os patrocinadores-impulsores principais do evento Mobile Week Coruña, que como indicamos en Código Cero comeza mañá achegando un cento de actividades, atópase o operador de raizame galega R. Alén do patrocinio en si mesmo, a empresa de telecomunicacións vai colaborar na primeira edición do dito acontecemento con obradoiros de robótica para a rapazada e con charlas para educadoras e educadores sobre o emprego de novas tecnoloxías para a mocidade nada na era dixital.
Organizado polo Club Financeiro Atlántico, a Mobile Week Coruña conta tamén co apoio do Concello e da Deputación da Coruña e máis da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).
Polo que refire aos obradoiros tecnolóxicos Crea R que a empresa porá a disposición dos asistentes á Mobile Week, estes son de balde están concibidos para cativas e cativos de entre 7 e 13 anos que poderán potenciar a súa creatividade e espertar o seu espírito emprendedor. Organizarase unha primeira quenda para nenos de 7 e 8 anos, de 10:30 a 12:30 h. Deseguido, a rapazada de 9 e 10 anos serán quen desfruten desta iniciativa, de 12:30 a 14:30 h. E xa pola tarde, de 17:00 a 19:00 h, rapaces de 11 a 13 anos rematarán esta xornada coa que, sobre todo, se procura que aprendan mentres se divirten. Durante o obradoiro, os cativos van crear un prototipo tecnolóxico utilizando placas e materiais reciclados (cartón, plástico, plastilina, cordas...) para construír as estruturas. A intención de R é a de achegar aos participantes á programación “dun xeito natural e divertido”, mentres xogan cos enxeños que eles mesmos artellan paso a paso: coches para que aceleren, robots para que camiñen ou mesmo marcadores para levar a conta dos puntos dun equipo nun partido.
Segundo engade R, o obxectivo é que “os nenos potencien a súa creatividade e esperten o seu espírito emprendedor ao tempo que adestran habilidades importantes como o traballo en equipo e a comunicación”. Ademais, engade a operadora, búscase que as nenas e nenos deixen de “ser meros consumidores pasivos de tecnoloxía e botan man dela, desta volta, para crear e aprender”.
Tanto na cita de Mobile Week Coruña como nas anteriores xeiras de Crea R, a operadora contará coa colaboración da escola Líbolis Pequenos Emprendedores o eu método educativo.
A outra acción coa que a operadora está presente no acontecemento coruñés que comeza mañá é unha das súas charlas do ciclo Nativos R, tamén de balde. Nativos R é unha iniciativa para acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, enchoupándose nel, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as novas tecnoloxías. A idea é mobilizar os diferentes integrantes do núcleo familiar ou do tecido docente.
En palabras da firma de cable, Nativos R diríxese á cidadanía que se ben non naceu na era dixital, convive con persoas (nenas, nenos, adolescentes, mocidade) que si que o fixeron, abrindo interesantes camiños de comunicación e interacción entre uns e outros. Esta acción didáctica de R xa recalou en Cee e máis no Carballiño e este xoves farao en Verín; tralo seu paso pola Mobile visitará Sarria e A Guarda.
R tamén informa de que a día de hoxe xa están esgotadas as entradas tanto para os obradoiros Crea R coma para as charlas Nativos R. Ambas as dúas accións desenvolveranse o sábado 24 de novembro no edificio do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, CITIC, entidade que dende hai semanas vén colaborando activamente con R na preparación destas iniciativas para a Mobile Week Coruña.
As actividades formativas e divulgativas de R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta -a través da AMTEGA- para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás, amais de educar no uso das novas tecnoloxías a persoas de todas as idades.

PUBLICIDADE