PuntoGal celebra o Nadal cunha nova promoción

martes, 30 de novembro do 2021 Redacción

PuntoGal quere celebrar a chegada do Apalpador cunha rebaixa no prezo dos novos dominios a través dos rexistradores sumados a esta promoción vixente entre os días 1 e 15 de decembro. Os interesados poderán obter o seu .gal por un prezo máximo de 10€ + IVE.
A campaña centrada na figura do Apalpador, figura tenra en recuperación como personaxe mítico que baixa polo Nadal a levar agasallos aos cativos, e deseñada por Xoana Pousa, creadora multidisciplinar coruñesa formada en Belas Artes, coñecida tamén coma Cuchiflainas polo seu proxecto de roupa, accesorios e ilustración.
Para poder aproveitar a promoción de desconto nos prezos do .gal que trae o Apalpador, é preciso dirixirse aos rexistradores Blacknight, Dinahosting, INWX, CDMon, Openprovider, Arsys, Radia ou OVH.com, que ofrecen distintas políticas de prezos e servizos con rexistro de dominios novos. PuntoGal recomenda visitar todas as páxinas das empresas participantes na promoción e atopar a que se adapte mellor ás súas necesidades.
PuntoGal, que xa supera os 6.100 dominios rexistrados, segue traballando para que todas aquelas persoas, asociacións, institucións e empresas que queiran visibilizarse na rede como parte da comunidade galega poidan facelo cun prezo competitivo.

PUBLICIDADE