Publícase a especificación DOCSIS 4.0

venres, 27 de marzo do 2020 Marcus Fernández

O acceso á Internet a través de redes de fibra óptica que chegan ao usuario final mediante cable coaxial (HFC) como acontece en Galicia con R e en boa parte do resto de España coa infraestrutura de Vodafone adquirida a Ono, funcionan seguindo o estándar comercial DOCSIS que historicamente destacaba por unha importante asimetría entre os largos de banda de subida e baixada, de xeito que a norma DOCSIS 3.0 establecida en 2006 establecía que para velocidades de descarga de 1 Gbps a subida estaba limitada a 100 Mbps, situando a estes operadores en clara desvantaxe coas redes de fibra (FTTH) que ofrecen conexións simétricas.
Para conseguir reducir distancias entre HFC e FTTH en 2017 chegou en 2013 o DOCSIS 3.1 (con velocidades de subida de 1-2 Gbps) e en 2017 unha versión full duplex de DOCSIS 3.1 (que xa conseguía a simetría a 10 Gbps) e, para consolidar esta última opción temos por fin o DOCSIS 4.0, especificación que xa integra as capacidades full duplex de xeito xeral, o que na práctica suporía dobrar a velocidade máxima do DOCSIS 3.1 e cuadriplicar a velocidade de subida até o punto de que os provedores de acceso á Internet puidesen ofrecer conexións simétricas aos seus clientes finais, sen precisar dun cambio tecnolóxico a FTTH para ser competitivos.
Aínda que a velocidade de subida non fose tan importante no pasado, actualmente resulta crucial para moitas tarefas como a realización de copias de seguridade, a publicación de vídeos e fotografías, as aplicacións na nube, as videoconferencias, os dispositivos conectados, as cámaras de seguridade domésticas, o teletraballo e o ensino remoto, como podemos ver claramente durante o confinamento por mor da COVID-19, de aí que a posibilidade de actualizar as redes HFC a DOCSIS 4.0 é unha boa nova para os que contan con este tipo de infraestruturas de rede e queren gozar de servizos que cada vez son máis esixentes a nivel de conectiviade.
A especificación DOCSIS 4.0 non só busca mellores velocidades brutas, senón que tamén persegue unha menor latencia, unha maior seguridade e unha fiabilidade máis alta, de xeito que o HFC poderá manterse como unha infraestrutura de rede con futuro.

PUBLICIDADE