Protector contra o sol para portátiles

mércores, 18 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Os ordenadores portátiles reforzados e pensados para o seu uso en contornos agresivos e baixo a luz do sol son produtos de elevado prezo que en poucas ocasións van ser utilizados por un fotógrafo profesional, polo que a través da Internet venden unha imaxinativa solución para utilizar un portátil ordinario en exteriores, pensando especialmente no seu uso para fotógrafos: o Pixel Sunscreen 2.0.
Este dispositivo sería un protector contra o sol, que pode lembrar no seu concepto a unha tenda de campaña, e que por 69 dólares (53,13 euros) permite illar ao usuario e á pantalla do ordenador da luz ambiental, aínda que para o seu uso é preciso superar o pudor de facer o ridículo metendo a cabeza nunha especie de cápsula protectora.
O Pixel Sunscreen 2.0 de Think Tank Photo goza dunha alta portabilidade (pode transportarse de xeito doado), permite usar o portátil baixo a luz directa do sol, ten reforzos para poder utilizalo baixo fortes rachas de vento, está feito de material anti-deslizante e o seu deseño contempla dende aperturas para os cables ata petos para gardar accesorios.
O peso desta solución orixinal é de pouco máis de medio quilo, e as súas dimensións encartada é de 35,5 x 2,5 centímetros, e montada sería de 37 x 56 x 49,5 centímetros, servindo para acoller equipos informáticos portátiles con pantallas de entre 12 e 17 polgadas.

PUBLICIDADE