Project CARS e El Poder de la Fuerza destacan nos Xogos con Gold de febreiro

mércores, 25 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Os subscritores Gold de Xbox LIVE recibirán en febreiro unha serie de xogos que parece recuperar o seu pulo tras un meses un tanto frouxos, e aínda que o xogo que chegará para Xbox One o día 1 é o independente Lovers in a Dangerous Spacetime (xogo de acción cooperativa ambientado no espazo), a partires do día 16 será Project CARS Digital Edition, un emocionante xogo de condución de até 16 xogadores en liña, que goza duns gráficos excelentes e dun completo catálogo de vehículos. Tamén destaca o seu sistema pioneiro de horas do día e condicións meteorolóxicas, que dotan a experiencia de xogo dun grande realismo.
Os xogos para Xbox 360 (retrocompatibles con Xbox One) son vellos títulos bastante atractivos, xa que a primeira quincena do mes ofrecerase Monkey Island 2: Special Edition, aventura gráfica clásica na que LucasArts confirmaba a Guybrush Threepwood como un personaxe inesquecible no xénero, que tería que facer fronte ao retorno do pirata LeChuck, desta volta como un morto vivente.
Para a segunda metade do mes teremos El Poder de la Fuerza, xogo da franquía de Star Wars, que foi un grande éxito no seu día e que ofrecía unha nova historia na que encarnabamos ao aprendiz segredo de Darth Vader nun novo capítulo da saga que estaría entre os episodios III e IV da serie cinematográfica, e que permitirá desencadear os poderes da Forza para derrotar a cabaleiros jedi e outros inimigos seguindo as ordes de Darth Vader. O xogo, pese a estares lonxe de ser un grande título, deixou pegada, e incluso inspirou unha secuela, aínda que cómpre advertir de que a continuidade actual do universo de Star Wars deixa completamente fóra esta trama.

Vídeo promocional dos Xogos con Gold do mes de febreiro

PUBLICIDADE