Primux lanza novo portátil-tableta para estarmos conectados este verán: o IoxBook Tour 1301F

mércores, 11 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Primux Tech, o fabricante galego, encara a chegada do bo tempo cun novo lanzamento que ten todos os vimbios para satisfacer plenamente a quen queira sacarlle o partido a unha serie de cousas ben concretas: o verán, as viaxes e o lecer, por unha banda, e as comunicacións avanzadas, pola outra. Trátase do novo portátil Primux IoxBook Tour 1301F, un computador convertíbel 360º con pantalla táctil de 13,3 polgadas e que, segundo informa a empresa ourensá, con sede na Tecnópole, poderemos empregar facilmente tanto como ordenador como tableta.
Entre as súas principais características, cómpre salientar os seus 16 milímetros de grosor ou a súa pantalla táctil IPS Full HD de 1080p grao A+ que, segundo explica Primux, fornece dunha política estrita sen píxeles mortos durante os controis de calidade. “Os usuarios”, engade, “poderán gozar dunha xenial experiencia visual e sensorial con cores vivas e brillantes”. A isto cómpre engadir as devanditas 13,3 polgadas e a resolución de 1920x1080px, o que brinda un aparello moi acaido para xogarmos en liña ou para empregar as redes sociais de “maneira cómoda e sinxela”.
Polo que respecta á memoria interna, é de 32GB ampliábeis mediante un disco SSD M2 2242, o que abre as portas para “traballar de forma rápida e eficiente en todo tipo de procesos”. Por certo que o almacenamento pódese levar até os 128 GB cun cartón microSD.
O deseño salienta pola súa fineza e pola súa versatibilidade, doado de carrexar. O tamaño é de 316x213x16 mm, o que reforza arela de Primux de achegar un dispositivo que subministre todas as prestacións dun portátil “pero coa comodidade dunha tableta”.
Coma o resto dos dispositivos portátiles de Primux, vén co sistema operativo Windows 10. Ademais, ten unha memoria RAM de 4GB DDR3L e acubilla un procesador Intel Celeron N3350 Dual Core de ata 2,4Ghz. A conectividade é Wi-Fi 802.11 b/g/n e inclúe unha cámara frontal de 2 Mpx, moi apta para facer videochamadas familiares e videoconferencias de traballo. Conta tamén con conexión Bluetooth 4.0, dous portos USB 3.0 e un mini HDMI.

PUBLICIDADE