Primeiras imaxes na Rede de O Divino Ferrete

mércores, 29 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

A primeira película pornográfica na nosa lingua, da que temos falado en Código Cero para informar de que será distribuída de balde na Rede e para dar conta da súa orixe (a plataforma Galegolab.org para pór en marcha novas e orixinais iniciativas en galego), xa dá os seus primeiros sinais de vida. De feito, e segundo nos contan en Chuza!, están á vista para quen queira velas (e coidado coa sensibilidade de cada quen) as primeiras imaxes do filme, a través da web Placeres Virtuais.
Lembremos que o filme en cuestión titúlase O divino ferrete,que se trata dunha longametraxe e que vén da man do director Matías Nicieza. A idea de facer a película, malia terse canalizado a través de GalegoLab, foi de Alejandro Tobar, un escritor lucense afincado en Copenhague que pensou que sería “unha maneira orixinal de dignificar o galego e levalo a ámbitos onde non existía”.
Na elaboración do seu guión participaron o propio Tobar e escritores da talla de Xabier Cid, Begoña Paz, e os premios Xerais de Literatura Iolanda Zúñiga e Diego Ameixeiras.

PUBLICIDADE