Preséntase o cartel oficial do filme galego Xustiza artificial

martes, 28 de maio do 2024 S. P.

Hoxe presentouse o cartel oficial do filme Xustiza artificial, do director coruñés Simón Casal, protagonizada por Verónica Echegui, Alberto Ammann, Tamar Novas e Alba Galocha. Trátase dunha mestura de thriller político e cinema negro situado nun futuro próximo que expón o dilema moral entre mente humana ou a Intelixencia Artificial no eido da administración de xustiza. A súa estrea en cinemas será o 13 de setembro.
Cómpre salientar que a película foi seleccionada polo Festival Internacional de Cinema de Shanghai, e será presentada dentro da sección internacional non competitiva Panorama. O festival de Shanghai é un dos festivais de cinema máis prestixiosos de Asia, que celebra este ano a súa 26 edición e que terá lugar entre os días 14 e 23 de xuño.
Con guión do propio director, coescrito xunto a Víctor Sierra, Xustiza Artificial dá comezo cun referendo constitucional no que a cidadanía ten que decidir sobre a implantación dun sistema de Intelixencia Artificial que substitúa aos xuíces e xuízas en todos os tribunais do país. Un tema polémico que Casal xa abordara en 2002 no documental Artificial Justice, coescrito xunto ao filósofo Miguel Penas, e que serve como base de investigación para esta película.
A rodaxe deste filme tivo lugar na súa maior parte en Galicia, principalmente na Coruña, aínda que tamén se rodou noutras localidades, como Ferrol, Ponteceso, Monfero, Irixoa, Cambre, Laracha e Oleiros, sendo unha das localizacións máis importantes o Parador da Costa da Morte en Muxía.
Xustiza artificial é unha coprodución de Justicia Artificial A.I.E, Gerardo Herrero e Mariela Besuievsky de Tornasol Media, Chelo Loureiro de Abano Producións España en coprodución con Ukbar Filmes (Portugal), coa participación de RTVE, RTVG, Prime Video, e o apoio de ICAA e AGADIC (Xunta de Galicia).
Logo do seu paso por cinemas, a película estrearase en Prime Video e tamén se emitirá en RTVE e RTVG (en galego).

PUBLICIDADE