Presentan un navegador GPS para zoupóns

martes, 3 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Á vista de que algúns navegadores GPS para o coche resultan complicados de manexar, o fabricante estadounidense Maylong lanzou un dispositivo baixo a marca GPS Navigation for Dummies, ou sexa, Navegación GPS para Zoupóns, que pretende ser moi doado de usar.
O FD-35 sería o primeiro dispositivo desta gama, contando cunha pantalla de 3,5 polgadas e poden empregarse tamén coma reprodutor de MP3 e lector de libros electrónicos. Soporta tarxetas de memoria SD (inclúe unha de 2 Gb de capacidade) e o seu prezo aínda non se coñece, pero se algo pretende destacar neste dispositivo e a súa interface de uso, que promete ser moi doada de usar, o que agardemos que se converta nunha tendencia (a usabilidade debe de ser un valor en alza na electrónica de consumo, tanto no deseño dos produtos coma no dos seus manuais de uso).

PUBLICIDADE