Presentan os orzamentos da CRTVG para 2025
xoves, 31 de outubro do 2024
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu esta tarde no Parlamento de Galicia para presentar o orzamento da Corporación correspondente a 2025, por importe de 135,7 millóns de euros, o que supón un incremento interanual de 4,5 millóns de euros. Sánchez Izquierdo explicou que a alza se debe ao efecto do incremento do IPC sobre os custos de produción de programas, informativos e deportes e “tamén por mor da dotación que se reserva para a adquisición de contidos dixitais destinados a nutrir a oferta da Plataforma de Comunicación Audiovisual de Galicia”. Precisamente, unha das grandes partidas orzamentarias é a dedicada á contratación co sector audiovisual galego, do 30,3 % (41 millóns de euros), e que dá conta do compromiso e apoio da CRTVG neste eido, moi especialmente no que respecta a contidos de cine, series de ficción, documentais e contidos de entretemento, segundo explicou o director xeral na súa intervención.
O director xeral expuxo que o orzamento recolle “a importancia do servizo público de comunicación audiovisual de Galicia como impulsor da innovación, da participación social e da promoción da sociedade dixital. En consecuencia, un eixe prioritario deste orzamento é a integración, a converxencia e a transformación, mediante a adaptación inclusiva dos sistemas e organizacións tradicionais para a migración da sociedade da información á nova sociedade dixital”.
Entre outros, os investimentos para o ano vindeiro incluirán unha dotación para modernización tecnolóxica por importe de 1.500.000 euros, que se destinará ao novo sistema de produción da Radio Galega, a renovación do sistema de control de continuidade da TVG e un novo sistema de iluminación do estudio 300, así como novos equipamentos técnicos por un importe de 650.000 euros, sinalou o director xeral.
Os datos e cifras presentados esta tarde no Parlamento de Galicia poñen de manifesto un feito recorrente: o alto efecto de aplicación do orzamento da CRTVG no tecido produtivo galego. Así, máis do 90 % dos orzamentos da Corporación reverterá directamente nos traballadores e na industria audiovisual galega.