Presentan en Barcelona a familia de móbiles HTC One

luns, 27 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Para o Mobile World Congress de Barcelona o fabricante HTC decidiu levar unha nova gama de terminais chamada One, composta inicialmente polos terminais One X, One S e One V, que coinciden en funcionar con Android 4.0, integrar a interface de usuario HTC Sense 4.0, Beats Audio, Watch e 25 Gb de almacenamento en liña a través de Dropbox, así como un módulo de cámara mellorado coa posibilidade de gravar vídeo e tomar fotografías simultaneamente.
Esta familia de móbiles comeza polo modesto HTC One V, con pantalla de 3,7 polgadas cunha resolución qHD, procesador de dobre núcleo a 1 GHz, 512 Mb de RAM e cámara de 5 Mpíxeles con gravación de vídeo a 720p; para pasar logo ao HTC One S, que xa conta cunhas prestacións bastante elevadas, destacando por ser o terminal de HTC máis delgado ata o momento (8 milímetros de grosor). O HTC One S ten un procesador Qualcomm S4 MSM8960, pantalla Super AMOLED de 4,3 polgadas e resolución qHD, 1 Gb de RAM, cámara de 8 Mpíxeles con gravación de vídeo a 1.080p e batería de 1.650 mAh.
Pero non conformes con co anterior, o HTC One X quere converterse no dispositivo a seguir (cando menos ata que chegue ao mercado o Samsung Galaxy S III) e presume dun procesador nVIDIA Tegra 3 a 1,5 GHz (con 4+1 núcleos), aínda que tamén terá unha versión reducida co mesmo procesador que o HTC One S. Contará con pantalla Super LCD2 de 4,7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, 1 Gb de RAM, cámara cun sensor retroiluminado de 8 Mpíxeles e 32 Gb de almacenamento interno.

O HTC One V é o dispositivo de entrada desta nova familia

PUBLICIDADE