Presentan a nova liña de produtos by Google

martes, 4 de outubro do 2016 Marcus Fernández

A celebración da presentación Made by Google xerou grande expectación porque confiábase que fose o anuncio oficial da nova marca que collese o relevo da liña de smartphones Nexus, pero a cousa foi máis aló, e agora temos que o hardware presentado será realmente unha familia de produtos comercializados por Google e que non se limitarán aos smartphones, senón que tamén apuntarán ao fogar conectado, a realidade virtual e o streaming de contidos.
Pese a que o acto que puido seguirse en directo a través da Internet dese a coñecer varios trebellos, podemos considerar que realmente a compañía de Mountain View estaba a promocionar un servizo, o Asistente de Google, ferramenta que permite manter unha conversa natural entre Google e o usuario, que hai pouco integrouse na aplicación de mensaxería Google Allo, e que agora chega a través do novo hardware, buscando que podamos falar con Google con independencia de onde esteamos, de xeito que tanto podemos empregar esta nova tecnoloxía no móbil ou con altofalantes conectados, insistindo dende Google no feito de que os seus elegantes novos produtos teñen como punto forte a tecnoloxía de buscas, aprendizaxe automático e intelixencia artificial que levan por detrás e que suporán unha auténtica revolución nos vindeiros anos.

Pixel

A marca Pixel xa non será exclusiva de tabletas e portátiles, senón que agora chega aos smarthpones, de xeito que xa non teremos novos dispositivos Nexus. O novo smartphone Pixel sería un smartphone by Google que conta cun deseño coidado, corpo de aluminio, lector de pegadas dixitais na súa parte traseira, procesador Qualcomm Snapdragon 821 con 4 GB de RAM, cámara traseira de 12,3 Mpíxeles con apertura f/2.0 e sensor con píxeles de 1,55 micróns (que presume de ser a mellor cámara nun smartphone) e contaría con dous tamaños distintos: un con pantalla Full HD de 5 polgadas e batería de 2.770 mAh, e outro con pantalla Quad HD de 5,5 polgadas e batería de 3.450 mAh. O modelo de tamaño superior coñeceríase como Pixel XL. Venderanse en 3 cores distintas (negra, azul e prata) e o seu prezo de partida estaría nos 649 dólares nos EE.UU.
Polo momento non se coñece a data na que os smartphones Pixel chegarán a España, sendo un dos seus grandes atractivos que funcionan con Android 7.1 e tamén sería o primeiro smartphone compatible con Daydream, a nova especificación para a realidade virtual creada por Google e para a que tamén crearon un visor, o Daydream View, que parece unha copia das Gear VR de Samsung. O seu prezo de venda sería de 69 euros pero tampouco sabemos cando chegará a España de xeito oficial.

Produtos para o fogar

Os novos produtos de Google máis rechamantes serían os orientados ao fogar, entre os que destaca especialmente o Google Home, un altofalante conectado que pode escoitar as nosas ordes, de xeito que introduce no fogar ao Asistente de Google. Este trebello serviría para que puidésemos reproducir música (sendo compatible con servizos como Google Play Music, Spotify ou YouTube), resolver preguntas que lle preguntemos a Google e automatizar tarefas que levaríanse a cabo por parte de dispositivos conectados (serviría tanto para iniciar unha película no televisor do salón como para controlar o aire acondicionado e a iluminación). Chegaría en distintas cores, cunha estética elegante que busca non desentoar no fogar, e nos EE.UU. terá un prezo de 129 dólares, descoñecéndose se finalmente o veremos no noso territorio, pois outros produtos semellantes de Google e outros fabricantes (como Amazon, a quen parece que copiaron descaradamente con este produto) non chegaron a desembarcar en países de fala non inglesa.
Outros produtos que Google non achegou no pasado a España son os seus routers, aos que agora incorpórase o Google Wifi, que presume de solucionar os problemas de conectividade Wi-Fi no fogar grazas ás súas prestacións, que facilitan que o usuario goce de funcionalidades avanzadas, á vez que tamén procuraría funcionar axeitadamente sen precisar de coñecementos técnicos para a súa instalación. Un dos detalles máis interesantes deste trebello é que podería empregarse para repetir unha rede Wi-Fi, ou sexa, que poderían colocarse varios destes dispositivos ao longo do fogar para garantir unha boa cobertura, aínda que non é un produto precisamente económico: un router custaría 129 dólares e o lote de 3 router venderías a 299 dólares.
O último produto presentado por Google para o ámbito doméstico sería o Chromecast Ultra, unha revisión do popular streamer de Google que como principal novidade tería o soporte de vídeo en ultra alta definición (4K), HDR e Dolby Vision, ou sexa, que tiraría proveito dos últimos televisores 4K e, para evitar problemas de conectividade sen fíos, tamén incorporaría un porto Ethernet (máis que recomendable para quen queira acceder a contidos 4K). Este produto sería o único que xa ten confirmada a súa comercialización en España a un prezo de 79 euros (existindo unha listaxe de agarda para a súa compra), resultando difícil de crer que poida ser un éxito de vendas como os seus predecesores, xa que polo mesmo prezo no mercado norteamericano está dispoñible a Mi Box, que tamén soporta vídeo 4K e HDR, pero inclúe Android TV 6.0, polo que ten moitas máis posibilidades (como correr xogos ou funcionar con aplicacións sen necesitar dun ordenador ou smartphone como xeito de control).

O Chromecast Ultra permite achegar contidos en ultra alta definición ao televisor

Vídeo íntegro coa presentación de Google

PUBLICIDADE