Presentan a 10ª edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos

xoves, 25 de novembro do 2010 Redacción

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, foi o encargado de presentar a décima edición do Concurso de proxectos tecnolóxicos, patrocinado pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria.
O concurso ten como finalidade sensibilizar ás empresas dos beneficios que lles pode achegar a aplicación da investigación tecnolóxica ó seu proceso de produción axudando a facela máis competitiva. Neste concurso teñen cabida todos aqueles traballos onde prime unha clara aplicación empresarial.
Durante a súa intervención Martínez felicitou á Escola Superior de Informática do Campus de Ourense e a Expourense pola organización dunha nova edición deste concurso e animou ás empresas a botar man da Universidade «porque un dos camiños a seguir para saír da actual situación económica é o I+D+i».
Rogelio Martínez, engadiu que «aínda que cada vez son máis as empresas que contan cun departamento de I+D+i, non podemos esquecer que unha boa parte das investigacións realizadas en Galicia xorden na Universidade. Somos conscientes de que os estudantes forman parte do potencial investigador e innovador de Galicia que sen dúbida repercutirá positivamente no desenvolvemento económico e no benestar social da nosa comunidade».

PUBLICIDADE