Presentado o novo corrector de galego Imaxín Galgo 2.0
luns, 10 de setembro do 2012
A web da Secretaría Xeral de
Política Lingüística dá acubillo, dende hai ben tempo, a un amplo abano de
ferramentas que nos axudan a coñecer mellor e a perfeccionar o noso dominio do
galego, porén vén de completarse cun corrector que nos axuda a que a escrita
estea adaptada á normativa da Real Academia Galega de 2003, algo que faltaba no
catálogo da entidade pública.
Falamos do corrector Imaxín Galgo 2.0, o
que vén sendo unha actualización do corrector Galgo para as novas versións de
Microsoft Word para Windows e para Mac, que xa se pode descargar de balde na
devandita plataforma pública.
Ao igual que outras da mesma
familia, esta ferramenta permite solucionar erros de carácter tipográfico, ortográfico
e léxico en tempo real mentres imos escribindo, porén a diferenza dos outros,
este corrector contén suxestións de vocabulario que están especialmente
pensadas para a lingua galega e a súa situación de contacto co castelán.
- Xesús Vázquez Abad presentou a nova versión do corrector ortográfico de Imaxin
A aplicación informática foi
presentada polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,
Xesús Vázquez Abad, nun acto no que tamén participaron outros persoeiros
importantes para a lingua galega e as TIC como o secretario xeral de Política
Lingüística, Valentín García Gómez ou a directora da Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, entre outros.
Vázquez
Abad mostrouse satisfeito “de poder
presentar unha ferramenta que facilita a aprendizaxe e progresiva autonomía no
uso correcto do noso idioma”, indicou, que ademais “axuda a superar as inseguridades de quen aposta por escribir en galego
no ámbito público e profesional”, engadiu.
Vázquez
Abad asegura que o corrector Imaxín Galgo 2.0 “fomenta a presenza do galego nas TIC, ao tempo que logra unha oferta
máis ampla e competitiva de produtos e recursos informáticos en galego”, ao
que engade que “favorece a opción positiva
polo galego no mercado da información e da comunicación e mais a libre
circulación do galego nos sistemas avanzados da vida moderna”.
Na
súa intervención Abad citou, asemade, outros proxectos do seu departamento que
inciden nos mesmos fins, como o Dicionario
de pronuncia da lingua galega en liña; os cursos de galego a distancia; o Dicionario xurídico, que estará
proximamente en Internet a disposición da cidadanía; e o apoio á candidatura
para o dominio puntoGal, do que se encarga a AMTEGA.
Outras
iniciativas que aproveitan a tecnoloxía para facilitar o uso do galego e
contribuír a súa dinamización é a campaña Twitter
en galego XA!, a das Redes sociais en
galego e a tradución á nosa lingua de distintos programas baseados en
software libre.