Presentada en Compostela a terceira edición do certame GzCrea

mércores, 30 de abril do 2008 Raquel Noya

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, mailo director xeral de Xuventude, Rubén Cela, veñen de presentar en Compostela a terceira edición do certame GzCrea 2008, unha iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude da Vicepresidencia en colaboración coas consellarías de Innovación e Cultura que pretende “erixirse nunha canle a través da que dar a coñecer os novos talentos do país”.
GzCrea 2008 ofrece un espazo de difusión aberto e unha plataforma de lanzamento de cara ao mercado para a nova creación galega que, segundo palabras de Quintana, “está de moda, tanto no país como fóra del”.
Entre outras cousas, este espazo ten como principal obxectivo dar a coñecer aos novos talentos galegos nun amplo abano de especialidades, como o teatro, a videocreación, a moda, a música, o relato, a banda deseñada e o graffiti. Neste senso, GzCrea diríxese a actuar “coma un escaparate”a través do cal darse a coñecer e á vez como “un estímulo” para dedicarse profesionalmente a algo que ata o de agora só se percibía coma un hobby. Ao respecto, Quintana sinalou que ese estímulo “virá non unicamente do premio económico, senón tamén do apoio á formación dos autores e autoras”, tanto polas axudas directas que se conceden nalgunhas especialidades con este fin concreto, como facilitándolles o acceso a determinadas bolsas coas que mellorar a súa formación.
Este certame, que o pasado ano contou con máis de 400 participantes, consta de trece modalidades ás que se poden presentar tódolos mozos e mozas residentes en Galicia de entre 16 e 30 anos, sempre que non sexan artistas profesionais.
As bases para participar neste concurso están a disposición dos interesados na páxina web oficial do GzCrea, onde tamén se pode acceder á información das especialidades deste ano e a todo o relativo ás pasadas edición do 2006 e 2007.

PUBLICIDADE