Preparan uns auriculares para cancelar o ruído dos ronquidos

martes, 13 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Os auriculares con cancelación de ruído activa son unha solución para quen quere escoitar música sen a molestia dos sons que haxa ao redor, pero hai compañías que quixeron aproveitar esta tecnoloxía para conseguir illar ao usuario de ambientes ruidosos, conseguindo un nivel de cancelación de ruído que non conseguen uns simples tapóns, como os auriculares QuietOn que venden por 199 dólares a través de Indiegogo e que están orientados ao seu uso en viaxes, traballo, estudo... ou sexa, para conseguir certa tranquilidade en momentos determinados.

Pero tras o éxito destes auriculares os seus creadores consideraron interesante preparar unha nova versión, QuietOn Sleep, que estarían optimizados para un uso moi concreto: durmir ao carón de alguén que ronque, e dos que comezaron a aceptar reservas por 109 dólares para a súa entrega a partires do mes de outubro, aínda que o seu prezo comercial está previsto que sexa de 239 dólares.

Este novo proxecto de micromecenado conseguiu superar a súa meta a grande velocidade, e dado que a compañía que está detrás xa conseguiu o éxito en anteriores ocasións, é de esperar que o produto chegue sen problema aos seus mecenas este ano con interesantes melloras con respecto á versión orixinal, xa que reduciron o seu tamaño (un 40%) e o seu peso (un 50%), integráronlle unha batería de até 20 horas de autonomía por carga e o seu sistema de cancelación de ruído está optimizado especialmente para eliminar o molesto son dos ronquidos e o son que chegue a través de paredes (polo que tamén facilitaría durmir en hoteis ruidosos ou en fogares nos que se escoite demasiado a actividade dos veciños ou o tráfico da rúa).

Cómpre salientar que os auriculares poden conmutar cun simple toque entre o modo de durmir e o de escoitar, de xeito que non hai que andar quitándoos para poder falar con outra persoa nun momento puntual, xa que a cancelación activa de ruído pode desactivarse.

Vídeo promocional dos auriculares QuietOn Sleep

PUBLICIDADE