A Deputacion de Coruña dá a coñecer as iniciativas galardoadas co Premio Rosalía de Castro

venres, 21 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación da Coruña fixo públicas onte as iniciativas distinguidas este ano (décima edición) cos Premios Rosalía de Castro. Trátase do espazo web científico-tecnolóxico GCiencia e máis o proxecto 21 Días co Galego, do que falamos recentemente para salientar a súa pegada nas redes sociais (coa súa canle de YouTube rexistrou preto de 40 mil reproducións dos vídeos elaborados polo alumnado).
O certame da Deputación, que busca recoñecer e visualizar iniciativas que vivifiquen a nosa lingua en todos os ámbitos culturais, sociais, económicos, tecnolóxicos ou científicos, recoñeceu a Gciencia polo seu “papel na difusión do galego” e 21 Días co Galego polo seu “traballo de animación ao uso da nosa lingua na mocidade”.
Máis en detalle, o xurado decidiu outorgar o Premio Rosalía de Castro na categoría de colectivo, entidade ou asociación que máis destaca na promoción da lingua galega a GCiencia, medio dirixido por Pablo López e Eduardo Rolland, por “contribuír á visualización e ao prestixio da lingua galega no ámbito da divulgación científica, a través dun medio de comunicación que é un dos máis visitados en lingua galega".
Na categoría que recoñece o traballo específico coa nenez e a mocidade, o gañador resultou ser a iniciativa 21 Días co Galego, ideada e coordinada dende o IES da Pobra do Caramiñal pola profesora Pilar Ponte Patiño, que contou na súa última edición co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O xurado valora unha proposta que considera “pioneira para combater os prexuízos e estereotipos que se consolidou, estendeu e mesmo inspirou outras, referente no apoio á promoción do uso do galego entre a mocidade”.
O xurado estivo composto por persoas implicadas no ámbito da normalización lingüística como Xesús Manuel Mosquera Carregal, Julia Rigueiro García, Beatriz Vilaverde Santamariña, coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, como presidenta e a técnica de normalización lingüística, Dores Sánchez Alegre, como secretaria.

21 Días Co Galego

O proxecto 21 Días Co Galego, ideado pola profesora Pilar Ponte (A Pobra), participaron este ano 1.316 alumnos e alumnas dos institutos A Pontepedriña (Santiago de Compostela), Antón Alonso Ríos (Tomiño), Ramón Otero Pedrayo (Ourense) e Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos) que se comprometeron a falar galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas. A experiencia difundiuse por medio de vídeos a través do seu blog e nas redes sociais do programa. A canle de YouTube rexistrou unhas 15.500 reproducións dos vídeos elaborados polo alumnado e a páxina de Facebook foi vista por 7.634 persoas diferentes, cun alcance da campaña en Twitter de 14.900 persoas.
A iniciativa, como dixemos, ten a súa orixe en 21 días co galego, unha experiencia didáctica que botou a andar no IES da Pobra do Caramiñal no ano 2013, da man da profesora Pilar Ponte. Desde entón, desenvolvéronse cinco edicións máis deste proxecto que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
As diferentes edicións da experiencia didáctica, ligadas á Pobra do Caramiñal a agora con capacidade de extensión a outros institutos da nosa terra, incluíron todo tipo de actividades lúdicas e didácticas, inauguradas por un dos grandes persoeiros na nosa cultura: o tristemente falecido escritor Agustín Fernández Paz, que elaborou para o proxecto un sentido vídeo de saúdo.

Vídeo de Agustín Fernández Paz para 21 Días Co Galega

PUBLICIDADE