Port Designs presenta a súa gama de accesorios ergonómicos para portátiles

martes, 8 de abril do 2008 Raquel Noya

Se xa de por si o emprego cotián do ordenador de sobremesa nos viña causando unha serie de doenzas tales como dores de costas, vista cansa, dores de pescozo, falta de circulación e incluso o coñecido como síndrome do túnel metacarpiano (un mal na man causado por repetidas tensións que inflaman os tecidos do redor do nervio… falando en prata, por exceso do uso do rato), o emprego constante do portátil aínda agrava máis, se cabe, estes síntomas ó permitir usalo en posturas pouco axeitadas como ó carón do chan, sentados nun sofá ou deitados na cama coas pernas recollidas.
Segundo vén de anunciar a empresa fabricante de solucións de transporte, protección e ergonomía para ordenadores portátiles e outros dispositivos electrónicos, Port Designs, adoptar unha postura pouco ergonómica ó traballar co portátil pode causar “dores óseos ou musculares, perda de visión e incluso esterilidade”.
Para evitar estas doenzas entre os (cada día máis) usuarios de portátiles, Port Designs vén de presentar a súa gama E.O.S (Ergonomic Office Supplies), unha liña de accesorios de ergonomía que favorecen o uso correcto do ordenador portátil.
Os devanditos complementos son o CoolStand, o LapDesk e a ErgoStation e serven tanto para coidar da saúde do usuario como da do seu portátil ó evitar que os equipos se sobrequecen prolongando a súa vida útil.
O CoolStand é un soporte lixeiro que favorece a posición ergonómica e natural das mans e dos pulsos, ó levantar e inclinar lixeiramente o teclado do portátil. Asemade optimiza o arrefriado do portátil ó permitir a circulación do aire por debaixo do aparello e permite rotar o portátil ata 360 graos. É compatible con tódalas marcas e modelos de portátiles e o seu prezo é de 23,99 euros.
O LapDesk é un complemento que evita que o usuario se queime as pernas cando ten que traballar co portátil no regazo. Segundo afirman os fabricantes, esta actividade “pode producir problemas de fertilidade a longo prazo se o usuario non se illa perfectamente da calor que desprende o portátil”.
Ó igual que o anterior, este dispositivo evita que o equipo se quente de máis e favorece unha posición ergonómica e natural das mans e os puños. Incorpora 4 patíns anti-esvarantes que permiten estabilizar o portátil enriba das pernas ou dos xeonllos e integra un tapete para o rato que fai moito máis cómodo o seu uso. O seu prezo é de 29,99 euros.
Por último, a ErgoStation é un complemento que favorece unha postura ergonómica á hora de empregar o portátil sobre unha superficie sólida. Contribúe a prever e reducir as dores nas costas, na caluga e nos ombreiros e permite manter os ollos á altura da pantalla para non ter que forzar a vista.
A ErgoStation ofrece 4 posicións e alturas axustables distintas e inclúe un punto de conexión USB 2.0 para tódolos periféricos que precise o portátil.
Tamén evita o sobrequentamento do ordenador, permite a rotación do mesmo ata a 360 graos e é compatible con tódalas marcas e modelos de portátiles.
O seu prezo é de 69,99 euros.

PUBLICIDADE