Polémica pola remodelación da principal web para o ensino do chinés

xoves, 28 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

Na vida real topámonos cada día con proxectos de toda índole que xorden movendo uns orzamentos de moitas cifras e que logo presentan aos nosos ollos uns resultados pouco acordes con eses orzamentos. A vida virtual, neste sentido, non é moi diferente. Un bo exemplo disto é o que está a acontecer coa nova páxina web do Instituto Confucio, sitio en liña que ten o obxectivo de divulgar a lingua e a cultura chinesas no mundo e, polo tanto, un espazo web chamado seguramente a mover multitudes, tal é o peso presente e futuro do devandito país na economía que temos e teremos. Pois ben, segundo se conta en El Navegante, a tarefa de promover o chinés a través da Internet saíu de partida con moitos apoios orzamentarios (3,5 millóns de euros), polo que era de agardar que con semellante cifra a lingua practicamente se ensinase soa nos fogares de todo o mundo.
O caso é que ao desorbitado da dita cantidade se suma un resultado gráfico que, con ser salientable, non xustifica para a comunidade internauta tal investimento.
Como era de agardar, o traballo de creación desta nova páxina vén de provocar moita polémica naquel país, sobre todo se temos en conta que se trata de cartos públicos e que unha boa parte da cidadanía, malia o medre económico experimentado, vive con ben poucos recursos. O financiamento está a ser criticado nun dos maiores espazos en liña do país, Sina.com, onde os seus usuarios non dan crédito a semellante engorde de cifras para o deseño dunha única páxina, cousa que se agrava (explican) se pensamos que un sitio en liña de calidade pode ser posto en marcha cun investimento de arredor de entre 8.000 e 12.000 euros.
As autoridades xa están a defenderse alegando que non só se paga o deseño da páxina, senón tamén os labores de administración, desenvolvemento, mantemento ou achega de contidos. Sinalan que a cidadanía debe ter en conta que as páxinas non se fan para logo esquecelas, que cómpre ter un equipo de traballo multidisciplinar e constante, se o que se quere é achegar unha comunicación plena con internautas de todo o mundo.

PUBLICIDADE