Pokémon terá un xogo de loita para Wii U o ano que vén

venres, 21 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Hai uns meses os salóns recreativos xaponeses recibiron un xogo de loita tridimensional desenvolvido por Bandai Namco no que se enfrontaban en combates de un contra un distintos Pokémon, e agora a Pokémon Company confirma que este xogo, Pokkén Tournament, contará cunha versión para Wii U que verá a luz na primavera de 2016.
O xogo presenta uns gráficos impresionantes e uns movementos fluídos, dando a impresión de que poderemos gozar dunha experiencia de xogo semellante aos Tekken ou Soul Calibur, pero cunhas criaturas coas que normalmente non se combate dun xeito tan directo.
Polo momento non se detallaron as diferenzas que haberá entre a recreativa e a versión de Wii U do xogo, pero o que si sabemos é que desta volta non estaremos ante un título que limite a súa distribución ao Xapón, senón que o ano que vén chegará a todo o mundo.

Vídeo de presentación de Pokkén Tournament para Wii U

PUBLICIDADE