Pokémon GO chega oficialmente a España

venres, 15 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Tras o seu lanzamento en Nova Zelandia, Australia e EE.UU., o agardado xogo Pokémon GO desembarcou en Europa a través de Alemaña e, finalmente, espallouse até Italia, Portugal e España, de xeito que xa podemos descargar este xogo para móbiles da App Store e de Google Play, sen ter que recorrer a métodos non oficiais para poder sumarse á febre que está a invadir a medio mundo.
Resultaba curioso ver como, sen que o xogo estivese oficialmente dispoñible en España, a pasada fin de semana xa se fixese notar nas rúas galegas, con milleiros de usuarios probando a captura de criaturas Pokémon no mundo real, á vez que ían chegando datos do impacto deste fenómeno nos EE.UU., onde o xogo tería superado en usuarios activos a Twitter. De feito, hai un par de días estimábase que o 10,81% dos smartphones norteamericanos terían instalado o xogo e o 5,92% farían un uso diario do mesmo, mentres que en España, co xogo non dispoñible nas principais tendas de descargas, estas porcentaxes chegarían ao 3,05 e a o 1,61%, o que é un volume impresionante para unha aplicación non estreada oficialmente.
En EE.UU. xa se considera que Pokémon GO é o meirande xogo móbil da historia, de ter en conta o seu pico de usuarios activos no mesmo día, superando ao Candy Crush Saga (que chegara ao seu teito en 2013) e desbancando ao éxito actual, Clash Royale. En Android a aplicación incluso superaría a Snapchat e incluso á aplicación de Mapas de Google, deixando claro que é todo un fenómeno, que destaca polo seu nivel de enganche, xa que os usuarios que sucumbiron á febre dedican máis minutos ao día a capturar Pokémon que a empregar a aplicación de Facebook.

Tráiler do xogo

PUBLICIDADE