Pokéland, o novo xogo móbil de Pokémon que están a probar no Xapón
mércores, 31 de maio do 2017
A franquía de Pokémon continúa a buscar sorte en dispositivos
móbiles, e agora están a probar no Xapón unha versión alfa de Pokéland para Android no que están
presentes actualmente 6 illas, 52 escenarios e 134 tipos de Pokémon. Este xogo
estará dispoñible máis adiante tanto para iOS como para Android, funcionará
coas contas de usuario de Nintendo e precisará de conexión á Rede para
funcionar, pero en vez de pertencer á serie orixinal de Pokémon estaría máis
próximo a Pokémon Rumble, xogo descargable
para Wii lanzado en 2009 e desenvolvido por Ambrella. A
alfa do xogo desenvolverase até o día 9 de xuño, e polo momento non se sabe
se verá a luz fóra do Xapón.
O xogo permite capturar, adestrar e combater con Pokémon, pero sen ter que
pasear pola rúa como con Pokémon Go, e
parece que apostará por un modelo de negocio free-to-play, xa que no xogo haberá zonas que se desbloquearán
mediante diamantes (a moeda propia do xogo).
Vídeo no que podemos ver Pokéland en acción