PocketScan, o scanner de peto sen fíos que verá a luz a través de Kickstarter

luns, 16 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Aínda que nos últimos anos as impresoras multi-función practicamente erradicasen do mercado os scanners autónomos, continúa a existir a demanda de dispositivos de dixitalización que poidamos empregar en mobilidade ou para capturar documentos que superen o tamaño A4, para o que os scanners portátiles continúan a ter a súa utilidade, o que levou a Dacuda a lanzar hoxe a través de Kickstarter o seu PocketScan, dispositivos que presume de ser o scanner máis pequeno e intelixente do mundo.
O PocketScan permitiría dixitalizar dun xeito sinxelo documentos de calquera formato que cheguen até un tamaño de DIN A3, sendo capaz de combinar o contido capturado en tempo real, sendo capaz de recoñecer texto, táboas e imaxes, para converter o recollido no papel nun documento electrónico editable.
Este dispositivo preséntase como un accesorio para o ordenador ou o tablet, que mide 95 x 50 x 27 milímetros, pesa só 85 gramos, conta con conectividade Bluetooth e funciona cunha batería recargable que achegaría unha autonomía de ata 400 escaneos. Esta solución funcionará en distintas plataformas (Windows, OS X e iPad), será compatible co Office de Microsoft (de xeito que podemos editar os textos no Word e as táboas con datos no Excel partindo de información impresa), recoñece texto en máis de 30 linguas e espera converterse nun produto final no mes de novembro, cando se remitiría aos seus mecenas, que poden facerse cun destes scanners por só 79 dólares (65,68 euros con gastos de envío incluídos), o que suporía un importante aforro fronte aos 149 dólares que ten pensado ter cando sexa un produto comercial final.
Pese a que podamos pensar que os scanners de man pasaron á historia, este proxecto de micromecenado conseguiu o seu financiamento no seu primeiro día, deixando claro que segue a existir demanda deste tipo de produto.


Vídeo promocional do proxecto en Kickstarter de Dacuda

PUBLICIDADE