PocketBook estrea un lector de libros electrónicos con pantalla a cor de 7,8 polgadas

martes, 16 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Dende hai uns meses está no mercado español o lector de libros electrónicos PocketBook Color, cunha pantalla de 6 polgadas con tecnoloxía E Ink Kaleido que permite reproducir até 4.096 cores, o que abría novas posibilidades aos lectores de libros electrónicos, e este fabricante quixo avanzar nesta liña de produtos e achega agora o PocketBook InkPad Color, dispositivo que incorpora unha nova xeración da tecnoloxía de tinta electrónica Kaleido e que chama especialmente a atención polo seu tamaño de 7,8 polgadas, co que pode converterse nun dispositivo máis válido para usos como a lectura de informes financeiros ou incluso de publicacións de banda deseñada (aínda que a cor destas pantallas está aínda lonxe do que pode conseguir unha tableta).
Este novo dispositivo soporte 19 formatos de libros electrónicos, 4 de gráficos e 6 de audios (facilitando a escoita de audiolibros a través de Bluetooth), conta cun almacenamento interno de 16 GB ampliable mediante tarxetas de até 32 GB; a súa pantalla conta con iluminación frontal (evitando así os problemas que trae sobre a vista a retroiluminación das pantallas); e o seu peso queda nos 225 gramos, polo que estamos ante un produto bastante interesante, que pode adquirirse por 299 euros, ten unha eiva que cómpre salientar: aínda que a pantalla de 7,8 polgadas presente unha resolución de 1.404 x 1.872 píxeles, estamos a falar da resolución en grises (300 puntos por polgada) mentres que en cor baixa até os 468 x 624 píxeles (100 puntos por polgada), dando a entender que para as obras con grande carga gráfica non sería o produto máis axeitado, aínda que para os amantes dos eReaders pode resultar atractivo polo que xeneroso tamaño e pola súa innovación.

Vídeo promocional do PocketBook InkPad Color

PUBLICIDADE