Pluto TV chegará a España dentro dunha semana

mércores, 21 de outubro do 2020 Marcus Fernández

O anuncio de que este mesmo mes chegaría a España a plataforma de televisión en liña Pluto TV vén de concretarse, e este servizo de vídeo financiado mediante publicidade que botará a andar con 40 canles, xa ten data de lanzamento: o 26 de outubro.
Pluto TV chegaría así con canles exclusivas en alta definición que achegarían series, películas, deportes e outros tipos de programas, accesibles a través de aplicacións para iOS, Apple TV, Android e Amazon Fire TV sen cotas nin altas, e con contidos dobrados ao español case na súa totalidade.
Inicialmente teremos 7 canles de películas repartidas por xéneros, 6 canles de series destinadas a un único contido (ou sexa, que haberá, por exemplo, unha canle na que as 24 horas emitirán episodios da serie Andromeda), tamén haberá 7 canles da marca MTV (ningunha de corte musical) e incluso estarán dispoñibles canles temporais especiais (como Pluto TV Halloween).
Aseguran que as canles que poderemos ver de balde integrarán publicidade cunha frecuencia moi semellante á que estamos afeitos na TDT.

PUBLICIDADE