Pitfall celebrará o seu 30º aniversario cunha versión móbil

martes, 10 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Imaxe do clásico Pitfall na súa versión para MSX

Activision conta cun novo estudo de xogos para móbiles en Leeds (Reino Unido) e, aínda que se rumoreaba que ía encargarse de levar a franquía Call of Duty a dispositivos móbiles, a compañía confirmou que o primeiro xogo no que traballarán será unha revisión do clásico Pitfall, que cumpre 30 anos no mes de setembro, e que ten certo carácter simbólico, por ser o primeiro grande lanzamento de Activision (pasando logo a múltiples plataformas e contando con secuelas que chegaron ata o Pitfall: The Lost Expedition de 2004).
Martyn Brown, responsable do novo estudo británico, asegurou que están a traballar neste xogo dende primeiros de ano, centrando o seu desenvolvemento en adaptar o título ao público actual. Tamén engadiu que esta vai ser só a primeira das moitas franquías de Activision que teñen pensado levar aos smartphones para aproveitar a oportunidade de levar estes títulos ao crecente público de plataformas móbiles.

A última entrega oficial de Pitfall chegou en 2004, xa con gráficos 3D, pero conservando a súa esencia

PUBLICIDADE