Pídenlle á dirección do novo centro comercial de Santiago, As Cancelas, que aposte polo galego na súa web

venres, 16 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

Finalmente abriu as súas portas o Centro Comercial As Cancelas e do acto multitudinario xerado polo acontecemento pódense extraer varias conclusións: primeira, que tendo en conta as carreiras da veciñanza para entrar queda claro (por se había dúbidas) que unha boa parte da cidadanía si que quere e desexa macrocentros desta índole, e segunda, que agás no caso de complexos como Área Central (co que compite As Cancelas, precisamente) difícil será atopar un centro comercial que aposte polo galego, tanto para súa comunicación convencional como no que se refire á web e ás redes sociais. Así, lémbranos A Mesa pola Normalización Lingüística, quedou claro os días pasados, logo de que desaparecera definitivamente (até novo aviso) a presenza da nosa lingua da páxina web de As Cancelas, precisamente despois das protestas pola pouca atención que se lle daba, primeiro nas redes e logo in situ.
Curiosamente, o desleixo polo galego (que segue a ser lingua de uso común en Compostela, malia todo) na devandita páxina en liña de As Cancelas foi de menos a máis. Hai uns días aínda era posíbel acceder á versión en galego da mesma (unha opción que non viña por defecto e que non estaba completa ao cen por cen), hoxe xa non existe esa alternativa. Todo isto, para facer aínda máis curioso o asunto, malia a exemplar campaña de C&A por tódolos recantos da cidade (onde si que se respecta a lingua), unha das principais cadeas comerciais que terá presenza en As Cancelas. E todo isto, ademais, malia a experiencia positiva levada a cabo por Área Central no que se refire a respecto pola lingua e aos estudos que, lémbranos A Mesa, certifican que a sociedade compostelá recibe “de forma moi positiva o uso do galego no ámbito comercial e empresarial”. De feito, no último estudo realizado polo Concello sobre lingua e sociedade en Santiago sinalábase que ao 83,9% da clientela de Compostela lle parece “ben ou moi ben” que se use o galego na publicidade das empresas e produtos. Dende A Mesa e dende outras frontes (Chuza!, a xornalista Susana Méndez nun interesante artigo sobre as cancelas ao galego, etc), pídeselle á dirección do centro que se corrixan as “notábeis carencias da páxina web do mesmo”.

PUBLICIDADE