Philips anuncia o primeiro monitor con certificación DisplayHDR 1000

xoves, 26 de abril do 2018 Marcus Fernández

A finais do ano pasado aprobouse unha norma para diferenciar os distintos niveis de HDR que presentan os monitores de ordenador, estreada rapidamente polo Samsung CHG90, que foi o primeiro monitor con certificación DisplayHDR 600, e agora chega Philips e dá un paso máis adiante, presentando o primeiro monitor con certificación DisplayHDR 1000.
O monitor Philips Momentum 43” 4K HDR Quantum Dot (modelo 436M6VBPAB) non só pode presumir dun HDR de 1.000 nits, senón que tamén conta con Ambiglow, ofrecendo así unha experiencia de visualización moi inmersiva. Este novo monitor presume de conseguir un rango de cores moi amplo e de grande precisión, especialmente nos verdes e vermellos escuros, conseguindo unhas imaxes de grande calidade incluso en contornos moi iluminados chegando o seu nivel de brillo até as 1.000 candeas por metro cadrado. O Philips Momentum 436M6 sairá á venda no verán por un prezo de 999,99 dólares nos EE.UU.
O estándar DisplayHDR define tres niveis de brillo como referencia (400, 600 e 1.000), facilitando así que os usuarios poidan coñecer a calidade do HDR que ten un monitor no momento da súa compra.

PUBLICIDADE