Philips SpeechAir: a gravadora de voz que funciona con Android

luns, 25 de abril do 2016 Marcus Fernández

Philips comezou nos últimos días a distribución dunha nova gravadora de voz, a SpeechAir, que sorprende por funcionar co sistema operativo Android, de xeito que colocaríase a medio camiño entre as gravadoras tradicionais e os smartphones, facilitando funcionalidades coas que o usuario está familiarizado actualmente como a pantalla táctil, a cámara e a conectividade Bluetooth e Wi-Fi, o que mellora a facilidade de uso desta gravadora así como a transferencia de gravacións sen ter que empregar un ordenador, destacando por contar con opcións que facilitan a gravación de chamadas de VoIP (para o que conta cun terceiro micrófono específico) como por permitir a transcrición de voz a texto tanto de xeito automático como a través do servizo Philips SpeechLive (onde hai profesionais encargándose de escribir os documentos co noso ditado).
A gravadora Philips SpeechAir integra tres micrófonos (un direccional para o recoñecemento de voz, outro de 360 graos para xuntanzas e ditados, e un terceiro para telefonía IP), pantalla IPS de 4 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, procesador Cortex-A9 de dobre núcleo a 1,6 GHz, 1 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno, cámara de 5 Mpíxeles, altofalantes frontal e traseiro, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0 e batería de 2.700 mAh (que achega unha autonomía de até 12 horas de gravación). Mide 127 x 62 x 15 milímetros e pesa 116 gramos e funciona con Android 4.4.2. Comercialízase con auriculares e base de carga.

PUBLICIDADE