Pepephone amplía a súa cobertura de fibra óptica alugando a rede de Movistar

venres, 14 de setembro do 2018 Marcus Fernández

A oferta de fibra óptica de Pepephone resultaba atractiva para moitos consumidores que non podían acceder á mesma por falta de cobertura, xa que empregaba a infraestrutura de fibra de MásMóvil, pero esta eiva vén de superarse, xa que a compañía pechou un acordo con Movistar para achegar as súas conexións de fibra de 200 Mbps simétricos alí onde non cheguen coa súa rede de seu.
Por desgraza, o aluguer da rede de fibra de Movistar custa a Pepephone máis que a rede de MásMóvil (compañía propietaria de Pepephone), polo que teñen que incrementar o prezo mensual en 9 euros, quedando en 43,6 euros/mes, facendo que non sexa unha oferta atractiva, aínda que no caso de contratar tamén liña móbil de voz e datos con Pepephone decidiron axustar os prezos para que non houbese diferenza de prezo en función da cobertura (de xeito que a fibra de 200 Mbps quedaría en 29 euros/mes).
Esta novidade de Pepephone fai que os fogares españois que queiran prescindir dos servizos de telefonía fixa e televisión, e contratar só fibra óptica e móbil, teñan unha oferta a través de operadores low-cost bastante interesante, de xeito que, por exemplo, con Pepephone poidan gozar de fibra de 200 Mbps e móbil con 5 GB de datos e chamadas a 0 céntimos/minuto por 39,90 euros mes ou con móbil con 23 GB de datos e chamadas ilimitadas por 48,90 euros/mes, mentres que con Lowi a fibra baixaría de velocidade até os 50 Mbps, pero ofrecería móbil con 20 GB de datos e chamadas limitadas por 34,95 euros/mes. Deste xeito os consumidores poden elixir entre un operador ou outro en función da importancia que lle dean ao móbil ou á fibra.

PUBLICIDADE