Pebby, a bola que vixía e xoga coa nosa mascota

mércores, 15 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Para vixiar á nosa mascota xorde en Kickstarter unha nova solución que superou rapidamente a súa meta para financiarse, Pebby, que vén a ser unha pelota robotizada que integra unha cámara de alta definición, de xeito que serve para botar un ollo ao que fai o noso pequeno amigo peludo e tamén facilita o xogar con el a distancia, de xeito que chegaría con ter un smartphone a man para relacionarse remotamente coa mascota.
Esta solución está baseada en varios elementos: a mencionada bola Pebby, a súa aplicación móbil, o PebbyKennel (unha base de carga) e o PebbyCollar (un colar con sensor de movemento para poder monitorizar á nosa mascota).
Aínda que o ideal é controlar a bola Pebby dende a súa aplicación móbil, tamén conta cunha función de Auto-Play, de xeito que a bola moverase soa para diversión da nosa mascota cando non teñamos tempo para interactuar directamente nós, e incluso integra un láser, o que aseguran que é especialmente efectivo para manter entretidos aos gatos domésticos.
Outra funcionalidade curiosa é que a bola conta con micrófono e altofalante, ou sexa, que a súa comunicación sonora vai en ambas direccións, de xeito que poderemos escoitar se un can ladra, pero tamén poderemos pregravar mensaxes de voz cos que interactuar a distancia.
Actualmente as contribucións en Kickstarter para poder facerse co lote completo de bola, colar, base de carga e aplicación é de 124 dólares (124,81 euros), prevéndose que o produto comece a remitirse aos mecenas en xullo ou agosto.
Cómpre salientar que este produto está baseado en módulos informáticos Intel Edison, e o equipo que está detrás do produto achegará guías de programación e unha APi a todo aquel que considere interesante realizar algún desenvolvemento para Pebby.

PUBLICIDADE