Patricia Argerey louva o potencial da dixitalización e a sustentabilidade para a reactivación produtiva

mércores, 15 de setembro do 2021 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, participou na mañá deste 15 de setembro na xornada en liña Competitividade e dixitalización: unha folla de ruta para a nosa industria, organizada pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD). Na cita, Argerey puxo o foco nun dos grandes obxectivos da Xunta e da axencia que dirixe: transformar dixital e ecoloxicamente o noso tecido produtivo. A aplicación desta fórmula dupla, dixo, permitirá unha reactivación económica máis competitiva e sustentábel no tempo.
Segundo dixo, estes son en boa medida os piares da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2021-2027 (RIS3), que terá entre as prioridades das futuras políticas de I+D+i tres eixos: a sustentabilidade, a dixitalización e as persoas.
“Esta transformación non é unha novidade”, engadiu, “xa que a anterior RIS3 para o período 2014-2020 xa incluía como un dos tres retos avanzar cara un novo modelo industrial baseado na innovación”.
Entre as medidas de impulso á transición cara a Industria 4.0 ou fábrica intelixente, a directora da axencia GAIN sinalou o programa Fábrica Intelixente e Sostible, que persegue impulsar o avance cara un modelo sustentábel de competitividade e que, a través das súas catro convocatorias, apoiou 25 proxectos cun investimento público de 66,7 millóns de euros e unha mobilización de 258 millóns de euros. Ademais, sinalou algunhas iniciativas do IGAPE como os centros de fabricación avanzada, os obradoiros e axudas á dixitalización, maquinaria 4.0 ou os proxectos agrupados Industria 4.0 postos en marcha no marco da Axenda da Industria 4.0.
Argerey salientou tamén que a transformación empresarial non atinxe soamente ás grandes empresas, senón que é aínda máis relevante para as pemes, “cuxo acceso aos recursos necesarios para dixitalizarse é máis complicado, polo que precisan un apoio integral neste proceso”. Por iso, engadiu, “desde a Xunta de Galicia púxose en marcha o Programa de impulso á innovación nas pemes, que ten como obxectivo promover a innovación entre as pequenas e medianas empresas para contribuír á súa competitividade e que inclúe entre as actuacións previstas achegar a innovación ao territorio; formación específica; novas liñas de apoio; e a creación dun Observatorio da Innovación”.
Por último, Patricia Argerey debullou as liñas e obxectivos da Estratexia Galega dos Hubs de Innovación Dixital, que achegan fórmulas rápidas e eficientes para que as pemes aborden con éxito a súa dixitalización e na que a Xunta de Galicia leva investidos 28,8 milllóns de euros.

PUBLICIDADE