París quere impor a Airbnb unha multa de 12,5 millóns de euros

luns, 11 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Anne Hidalgo, alcaldesa de París, anunciou que preparan unha ofensiva contra Airbnb

A alcaldesa de París, Anne Hidalgo, asegurou a Le Journal du Dimanche que vai emprender accións contra Airbnb tras detectar 1.000 anuncios ilegais na plataforma, que estaría penado cada un cunha multa de 12.500 euros, ou sexa, que poderían chega a impor a Airbnb unha sanción total por valor de 12,5 millóns de euros, co que pretenden reducir drasticamente os alugueres salvaxes que distorsionan algúns barrios parisienses.
A edil de orixe gaditana asegura que non están a falar de cidadáns que alugan o seu fogar algúns días ao ano, senón dos que os tratan coma un negocio, detallando que «o problema son os multi-propietarios que alugan aos turistas durante todo o ano sen declarar, así como as plataformas cómplices que os acollen».
Dado que París é unha das cidades turísticas máis importantes do mundo, estas medidas do consistorio municipal poderían ser unha chamada de atención a negocios como Airbnb, que poñen en risco ao sector turístico exercendo unha competencia claramente desleal a través da economía somerxida.

PUBLICIDADE