Parabéns á operadora R por sumarse á solicitude para acadar Twitter en galego

venres, 1 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

A operadora R, un dos meirandes representantes do noso sector TIC que aposta pola comunicación en galego (dende hai anos), vén de amosar un novo exemplo do seu compromiso pola lingua. E faino da man da comunidade de internautas e asociacións que están a loitar, nas redes, para que Twitter se ofreza traducido ao galego, cousa que comentabamos hai uns días en Código Cero facendo fincapé nunha actitude, a desta rede social, que choca de fronte contra colaboración amosada por outros servizos como Facebook ou Google Plus, que si que ofrecen versión en galego. O apoio de R a prol da dita demanda foi felicitado pola Mesa pola Normalización Lingüística.
Segundo sinala esta asociación, a día de hoxe a lingua galega é a única do Estado español que fica excluída do Twitter, “ante o desinterese da Xunta”, sinala. A Mesa anima a sumármonos á cidadanía que xa se manifestou na Rede para solicitarlle á rede social a tradución dos seus servizos á nosa lingua (a través de translate), exemplo que xa foi seguido por R, unha das empresas TIC máis importantes da nosa terra. Esta adhesión á solicitude colectiva, sinala a Mesa, é sen dúbida un importante pulo á petición.
A Mesa anima a “multiplicar os esforzos desde a base social”, que concreta en tres propostas. A primeira, solicitar o galego a través da páxina de tradución (translate) do Twitter; a segunda, dirixir mensaxes pedindo o galego a @translator, e a terceira, usar decote etiquetas como #TwitterEnGalegoXA ou #QueremosTwitterEnGalego.
A Mesa lembra que nun estudo de finais de 2011 se indicaba que, entre os 6.000 idiomas que existen no mundo, o galego ocupa o “moi meritorio” posto 36 de uso nesta rede social. En 2009, engádese, “a lingua de Galiza era a única non oficial nun Estado que figuraba na listaxe mundial das máis utilizadas no Twitter”.

PUBLICIDADE