Panasonic presenta unha cámara micro catro terzos con visor abatible

xoves, 1 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Panasonic anuncia hoxe a súa nova LUMIX GX7, unha cámara sen espello cun deseño moi elegante e a calidade da familia LUMIX G. Esta cámara micro catro terzos está encerrada nun sólido corpo de aliaxe de magnesio, resultando ideal para os afeccionados á fotografía que gusten da versatilidade que achega o seu revolucionario visor integrado abatible ata 90 graos (sendo a primeira cámara deste tipo en integrar tal funcionalidade).
A LUMIX GX7 recolle imaxes de grande calidade a través do seu sensor Live MOS de 16 Mpíxeles e o seu procesador Venus Engine, conseguindo unha sensibilidade de ata 25.600 ISO, de xeito que podemos disparar instantáneas en situacións pouco iluminadas.
Aínda que o visor da nova LUMIX sexa un dos seus detalles máis rechamantes, a cámara tamén conta cunha pantalla táctil de 3 polgadas igualmente abatible (cara arriba e cara abaixo, facilitando tomar fotografías en moitas posturas). No que a vídeo se refire, a LUMIX GX7 pode gravar a 50 imaxes por segundo en Full HD en AVCHD progresivo ou MP4 con son estéreo, coa posibilidade de activar o enfoque automático durante a gravación de vídeo. Tamén ofrece a posibilidade de gravar a 24p para dar aos vídeos unha aparencia cinematográfica.
Outros detalles destacables da nova cámara de Panasonic é que conta con función de fotografías panorámicas creativas, disparos en time lapse, animación stop motion, retoque selectivo, máis de 22 filtros creativos, conectividade Wi-Fi e NFC (tecnoloxías que facilitan a sincronización con tablets e smartphones para aproveitalos como disparadores remotos ou para transferir as imaxes aos dispositivos móbiles, así como para copiar as fotografías e vídeos ao noso ordenador de xeito automático cando esteamos dentro do rango de cobertura do noso router Wi-Fi doméstico). Este produto estará dispoñible a partir do mes de setembro.


Vídeo promocional da cámara Panasonic LUMIX GX7

PUBLICIDADE