Panasonic presenta unha videocámara doméstica con cámara secundaria integrada

xoves, 9 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Para comezar 2014 innovando, Panasonic presenta a súa nova videocámara doméstica HC-W850, que contará con grandes opcións creativas por integrar dúas cámaras, xa que, aparte da cámara principal, na súa tapa lateral tamén incluirá unha pequena cámara rotatoria, facilitando que poidamos gravar dúas imaxes á vez, o que permitiría o rexistro de distintos planos nunha mesma escena ou incluso gravar a dúas persoas á vez, por exemplo, nunha entrevista. Durante as gravacións, a imaxe captada pola cámara secundaria aparece en pequeno nunha das esquinas do vídeo no efecto popularmente coñecido como Picture-in-Picture.
Pero a Panasonic HC-W850 non só destaca pola súa cámara secundaria, senón que tamén integra Wi-Fi e NFC, facilitando a súa interconexión co smartphone para poder controlar remotamente a cámara dende o móbil e incluso permitindo a transmisión en directo a través da Internet (polo servizo Ustream) ou o uso como monitor de bebé.
A nova cámara tamén coida a calidade de imaxe, para o que conta cun sensor BSI de 6,03 Mpíxeles, unha grande velocidade de procesamento co novo motor Crystal Engine Pro+, un sistema de estabilización de imaxe de 5 eixes, sistema de redución de ruído e incluso unha modalidade de gravación en cámara lenta de alta definición que permite rexistrar 240 imaxes por segundo en Full HD mediante un sistema intelixente de creación de fotogramas. Tamén conta con controis creativos como o efecto miniatura, o de película de 8 milímetros e incluso o time lapse.

PUBLICIDADE