Packard Bell estrea ultraportátil

venres, 14 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Seguindo os pasos de Airis, Dell, Acer, Medion, Advent, Asus e moitos outros fabricantes, Packard Bell tamén entra na competición dos ordenadores ultraportátiles que parecen estar a vender cada día máis, e gozan de moi boa aceptación por parte do público pese a que non substitúen aos ordenadores máis tradicionais.
O novo Packard Bell Dot ten unha pantalla de 8,9 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, funciona cun procesador Intel Atom N270 a 1,6 GHz, vén con 1 Gb de RAM, 160 Gb de disco duro, Wi-Fi, 3 portos USB 2.0, saída VGA, lector de tarxetas de memoria e webcam.
Inclúe o sistema operativo Windows XP, mide 254 x 189 x 39 milímetros e pesa 1,25 quilogramos, polo que estaría dentro dos parámetros máis habituais deste tipo de dispositivos, vendéndose a un prezo de 339 euros en España dende estes días.
O equipo parece ser lixeiramente máis barato que os seus competidores, pero esta diferenza de prezo podería estar xustificada pola ausencia de conectividade Bluetooth.

PUBLICIDADE