PUBG estrea versión 1.0 para Xbox One

martes, 4 de setembro do 2018 Marcus Fernández

O xogo PLAYERUNKNOWN’S BATTLEGROUNDS (PUBG) foi o que iniciou a febre polos battle royale, converténdose no fenómeno de 2017, e aínda que actualmente está bastante eclipsado por Fortnite, aínda segue a ser un referente para moitos xogadores, que recibirán de bo grado que este título abandone a súa fase de probas en Xbox One e pase a converterse nun xogo completo que pode mercarse por 29,99 euros.
PUBG chegou a Xbox One o pasado decembro, congregando a millóns de usuarios en poucas semanas, deixando clara a demanda deste tipo de xogo en consola e, de feito, Microsoft aproveitou este título como reclamo para animar a usuarios a facerse cunha Xbox One X e así poder gozar deste título en ultra alta definición.
Os usuarios que estivesen a gozar da versión preliminar do xogo recibirán de balde a actualización do xogo á versión completa, que inclúe 3 mapas (Erangel, Miramar e Sanhok) e está mellorado para Xbox One X, aínda que se temos unha Xbox One S tamén poderemos tirar proveito do HDR se temos un televisor compatible.

O xogo aproveita os gráficos en ultra alta definición de Xbox One X

PUBLICIDADE