PC Fútbol 8 podería ver a luz a vindeira semana

xoves, 15 de maio do 2025 Marcus Fernández

Resulta difícil levar a conta da cantidade de veces que o xogo PC Fútbol 8 anuncia unha data de lanzamento para que, chegado o día, o seu máximo responsable, Héctor Prats, desapareza varios días sen dar explicacións para rexurdir con desculpas inverosímiles e nova data de lanzamento.
Tras numerosos adiamentos do xogo, e unha falla de comunicación por parte de Prats e a súa empresa, Una Partida Más (que resulta evidente se vemos que na conta oficial do xogo en X aínda figura como data de lanzamento do xogo o 5 de agosto de 2024 ás 19:30), veñen de actualizar a páxina web de PC Fútbol 8 para publicar un comunicado no que aseguran que «despois dun longo proceso de desenvolvemento e revisión, préstanos anunciar oficialmente que PC Fútbol 8 estará dispoñible o vindeiro venres 23 de maio de 2025».
Piden desculpas polos problemas no desenvolvemento do proxecto e pola deficiente comunicación, e agradecen a paciencia e o apoio dos usuarios que levan no proxecto dende o comezo.
Tamén mencionan que o xoves 22 de maio permitirán que varios creadores de contido amosen o xogo en acción nas súas canles con emisións en directo, e prometen especial atención ao feedback da comunidade durante a primeira semana tras o lanzamento do xogo.
Aseguran que o xogo superou probas manuais con testers humanos e tamén foi sometido a probas automatizadas con GameDriver, o que permitiu que a copia que vaia saír a semana que vén sexa «moito máis pulida e estable».