PC Fútbol 8 fixa no 5 de agosto a súa data de lanzamento

venres, 26 de xullo do 2024 Marcus Fernández

O pasado día 11, Héctor Prats, responsable de Una Partida Más, compañía que está a traballar no desenvolvemento de PC Fútbol 8, celebrou unha conferencia de prensa desastrosa, na que non foi quen de facer correr adecuadamente unha compilación do xogo de fútbol que levaba meses acumulando adiamentos e que supostamente estaba completo e só presentaba pequenos fallos.
En aquel momento Prats comprometérase a enviar aos medios asistentes (e aos consumidores que compraran o xogo de xeito anticipado) unha versión de PC Fútbol 8 ao longo da semana seguinte.
As promesas de Prats parecen terse esquecido, e agora quedan eclipsadas ante o anuncio de que PC Fútbol 8 lanzarase oficialmente o 5 de agosto ás 19:30. Agora só queda agardar para ver se finalmente na data prometida sae algún produto, ou estamos simplemente ante unha data de lanzamento fixada para diluír o impacto dun vídeo publicado hai poucos días nos que poñen este proxecto como un exemplo sobre Como destruír unha saga.
Sendo optimistas, o xogo podería saír en agosto nunha versión en probas, que recibirían os que o adquiriron anticipadamente, coa intención de pulir o título para lanzalo a través de Steam a finais de setembro.