OwnFone comercializa móbiles personalizados no Reino Unido

luns, 27 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Os terminais de OwnFone poden resultar moi prácticos para controlar o uso do móbil que fan os cativos

Pensando na diversidade de usuarios da telefonía móbil que temos na actualidade, dende Reino Unido lanzan unha iniciativa empresarial moi interesante, OwnFone, que é un servizo de personalización de móbiles pensando principalmente en nenos e xente maior, xa que os terminais veñen configurados para chamar só a unha cantidade limitada de destinos, o que simplifica enormemente o seu uso.
Os móbiles de OwnFone pode personalizarse para chamar a 2, 4, 8 ou 12 números distintos, aos que chamar con só premer sobre o seu nome, contando tamén con botóns para responder a unha chamada ou rematar a chamada actual, controlar o volume ou incluso para chamadas de emerxencia.

Con OwnFone os maiores poden ter teléfonos móbiles moi sinxelos para comunicarse coa súa familia máis directa

Ao ser tan sinxelo estamos ante un móbil cunha autonomía moi elevada (pode reter a súa carga ata un ano no caso de acenderse só cando se queiran realizar chamadas) e en breve teñen pensado permitir a personalización do seu frontal con texto en Braille ou con fotografías que faciliten a identificación dos contactos.
Polo momento estes produtos só poden adquirirse no Reino Unido asociados a un servizo telefónico, custando o terminal personalizado 55 libras esterlinas e con tarifas que parten das 7,5 libras ao mes. De ter unha boa aceptación comercial non sería de sorprender que outras compañías lanzasen servizos semellantes noutros países.

En breve poderán encargarse móbiles en Braille ou con fotografías impresas


O servizo de OwnFone explicado en vídeo

PUBLICIDADE