Overwatch iniciará a súa beta o 27 de outubro

xoves, 15 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Blizzard quere que Overwatch se converta en todo un fenómeno global nos primeiros meses, e para que este shooter por equipos formados por heroes que loitan nun mundo cheo de conflitos poida asestar os seus primeiros golpes con forza é preciso que conte cunha fase de probas que permita que o xogo en liña funcione axeitadamente no seu lanzamento, e por fin anuncian que o vindeiro 27 de outubro botará a andar a beta en América, para pouco despois chegar a Europa e Asia, de aí que conviden a todos os usuarios do mundo que queiran participar a inscribirse na beta.
Coas betas públicas dende Blizzard queren escoitar a opinión dos xogadores sobre a súa nova produción (equilibrio, impresións e diversión) para conseguir que poida chegar a ser o mellor shooter por equipos posible, á vez que tamén queren pór a proba os seus servidores, e así asegurar que o xogo ten un bo rendemento.
Para que as probas poidan afinar os seus resultados dividiranse nunha beta pechada (formado polo núcleo do escuadrón de probas) e unha serie de fins de semana de probas beta con grupos mais amplos de xogadores. Desde xeito, o grupo máis reducido será o encargado de achegar feedback dun xeito máis directo e intensivo, mentres que as probas máis amplas serán as destinadas a comprobar a capacidade dos servidores.
Aínda que non se detalla unha data concreta, confírmase que as betas de fin de semana botarán a andar despois da BlizzCon, evento que se desenvolverá entre o 6 e o 7 de novembro.

Tráiler no que podemos ver Overwatch en acción

PUBLICIDADE