Overwatch fixa o seu lanzamento no 24 de maio

luns, 7 de marzo do 2016 Marcus Fernández

O agardado shooter por equipos multi-xogador cun elenco de 21 heroes, Overwatch, por fin ten data de lanzamento oficial, de xeito que o 24 de maio xa poderemos facernos cunha copia deste xogo que xa podemos reservar por 59,99 euros nas súas versións para PC, PS4 e Xbox One, aínda que entre os días 5 e 9 de maio podermos gozar dun anticipo grazas á súa beta aberta que poderá xogarse de balde.
Este xogo sitúase nunha Terra futurista, onde os xogadores teñen a habilidade de dobrar o tempo, desafiar á física e usar poderes e armas, competindo en mapas baseados en obxectivos de 6 contra 6 e repartidos por todo o mundo, sendo chave para o éxtio ir mudando de heroe para conseguir vantaxes na batalla.
Os desenvolvedores do xogo consideraron necesario lanzar unha beta aberta non só para probar os seus servidores, senón para, principalmente, ofrecer aos usuarios unha proba do que será o xogo final, de xeito que poidan facerse unha boa idea do que ofrecerá Overwatch e que así vaian comprendendo os conceptos centrais do xogo, como as funcións, os ataques e os cambios de heroes en distintos tipos de mapas.
O xogo tamén destaca por un deseño de personaxes bastante rechamante e característico, que moitos consideran que en boa medida fíxose así para fomentar o cosplay, ou sexa, para que os afeccionados divulguen esta franquía caracterizándose dos personaxes máis carismáticos e representativos.

O 24 de maio será a data na que veremos nas tendas o agardado xogo de Blizzard

Tráiler no que dan conta da data de lanzamento de Overwatch

PUBLICIDADE