Ourense convértese en abril, da man da ICC Week, na capital dos eSports

luns, 9 de marzo do 2020 Redacción

A Ourense ICC Week que organiza un ano máis a Deputación de Ourense, co obxectivo de achegarnos unha primavera ateigada de creatividade e innovación tecnolóxica, vai converter a cidade das Burgas na capital galega, estatal e mundial dos deportes en liña, os eSports. O obxectivo da ICC eSports 2020 (a vertente da Semana das Industriais Culturais e Creativas máis directamente envorcada no lecer dixital), que inclúe unha manchea de competicións, demostracións e torneos, é “ser un punto de encontro da comunidade gamer galega”.
Celebrarase entre o 3 e o 5 de abril e xuntará expertos na materia e, por suposto, unha nutrida comunidade de seareiros do lecer electrónico para, en palabras da Deputación, “gozaren coa experiencia única das competicións en directo”. Os protagonistas serán os cinco videoxogos máis exitosos na actualidade: Fortnite, FIFA e a super-competición de equipos de MundoGT con Gran Turismo Sport, F1 Codemasters e DiRT Rally 2.0. Así, ao abeiro da ICC eSports de Ourense daranse cita os mellores pilotos e equipos profesionais do panorama Simracing. Estas competicións serán ademais emitidas na canle de YouTube Movistar eSports.
Abertas as inscricións
Os certames de ICC eSports de Ourense desenvolveranse do 3 ao 5 de abril no Salón Nobel do Liceo de Ourense. A entrada é de balde para ver as competicións. A inscrición para participar nos diferentes torneos programados de Fortninet, FIFA e MundoGT xa está aberta, na páxina web da ICC Week https://ourenseiccweek.com/gl/e-sports/ desde o 2 de marzo ata completar as prazas.
O festival abrirá as súas portas coa charla de Erea Carbajales, licenciada en Etnomusicoloxía, que aportará a súa reflexión sobre A evolución da música nos videoxogos, un relatorio de entrada gratuíta, que se celebrará o venres 3 ás 12.00 horas no Liceo de Ourense.
Os mellores de Mundo GT en Ourense
MundoGT celebra o seu décimo aniversario en 2020 e traerá ao ourensán ICC eSports a fase final de dúas das súas competicións máis importantes: a SuperCompetición de Escudarías Gran Turismo Sport, a F1 2019 e o Rally DiRT 2.0. Nestas competicións participarán 20 equipos profesionais, nunha primeira fase en liña. Desta fase sairán os participantes das finais presenciais.
No caso do #SCE, os cinco mellores equipos da competición profesional nacional de equipos GT Sport viaxarán por segundo ano consecutivo a Ourense para disputar a Gran Final de SCE, na que o defensor do título será o equipo Euromaster eSports.
Segundo informa a Deputación, os afeccionados ás carreiras de automóbiles poderán gozar do resultado da competición en directo ao mellor de tres carreiras puntuábeis que comezarán o sábado 4 de abril coa primeira carreira ás 16.30 horas e a segunda carreira ás 18.00 horas.
O domingo 5 de abril ás 15.00 horas terá lugar a terceira carreira, a derradeira. Pódense seguir de xeito presencial no Liceo ou desde calquera lugar a través de transmisións na canle oficial de Movistar eSports en YouTube.
Na Gran Final SF1 loitarán en Ourense cinco dos mellores equipos deste deporte virtual de motor. Unha competición ao mellor de tres carreiras puntuábeis que terán lugar o sábado 4 de abril ás 19.30 horas a primeira carreira, o domingo 5 de abril ás 11.00 horas a segunda e ás 12.00 horas terá lugar a derradeira.
Escudarías de SCE que participan na competición: Xogon Galicia Simracing, Williams JIM Esports, Euromaster Esports, Team Razinger Z, Team Mentalism, Cometa Team, Spanish Pro Racers SPR, Cyberspeed, NWS Esports, TENT Factory Simracers, CEAVI Carrillo German, R70 Team, x6tence esports club e ROAR Simracing.
Escudarías de SF1 que participan na competición: Williams JIM Esports, S2V Esports, Cometa Team, World Series Online WSO, Team Mentalism, ECDF1, NWS Esports, Innovate SRT, Team Genious, e SimRacing Legends.
En directo
Todos os torneos SCE e SF1 de MundoGT retransmitiranse en directo, tanto as carreiras de cualificación en liña ao longo da tempada como as finais presenciais de Ourense. En total, haberá un total de 30 emisións en directo, que se poderán seguir a través da canle de YouTube Movistar eSports. Unhas retransmisións que o ano pasado alcanzaron 70.800 espectadores, “amosando así o crecemento e consolidación desta industria”, explica a Deputación, que engade que estas competicións “gañan espectacularidade e emoción grazas aos casters (a persoa que retransmite e comenta as partidas de videoxogos en liña) capaces de converter un xogo nunha experiencia inesquecíbel”. Este ano nas finais ourensás ICC eSports teremos a José Luis Montiel casteando #SCE e a Mario Arroyo en #SF1.
Toda a información e inscripcións na páxina web do evento.

PUBLICIDADE