Oura renova o seu anel conectado

xoves, 3 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Agora que temos no mercado o Galaxy Ring de Samsung resultan máis rechamantes os movementos nesta categoría de produtos que queren coller o lugar de pulseiras de actividade e reloxos conectados para o seguimento da nosa actividade física e benestar físico, facendo que a cuarta xeración do Oura Ring capte bastantes miradas, aínda que o seu prezo (entre 399 e 549 euros) e depende dun servizo de subscrición (que custa 69,99 euros/ano) seguen a ser un importante freo para a adopción deste dispositivo.
O Oura Ring 4 integra sensores que facilitan o seguimento da frecuencia cardíaca, dos niveis de osíxeno en sangue, das variacións de temperatura corporal e da actividade física as 24 horas, grazas en boa medida a súa autonomía de até 8 días (cargándose completamente en 80 minutos). Ten unha superficie de titanio, resiste auga até 100 metros de profundidade, conta con conectividade Bluetooth de baixa enerxía e é compatible con iOS e Android.
A nova versión destaca por un maior uso do titanio no seu exterior, reducir o avultamento dos sensores (que pasan de sobresaír 1,3 a 0,3 milímetros), incrementa a autonomía nun día e ofrece un maior rango de talles (entre 4 e 15). Temos así un produto máis pulido, que entre as súas novidades tamén conta cunha aplicación móbil redeseñada para facilitar que nunha simple ollada poidamos facernos unha idea da nosa condición física diaria e a longo prazo, facendo máis doado tomar decisións sobre os nosos hábitos diarios.

Vídeo promocional do Oura Ring 4