Óscar Carballo e Paula Taibo gañan a Olimpíada Informática Galega

luns, 14 de marzo do 2022 Redacción

O pasado venres pola tarde celebrouse na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, na Escola Superior de Enxeñaría en Informática da Universidade de Vigo e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago a Olimpíada Informática Galega, organizada polo Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia, as tres universidades públicas galegas e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación.
No certame participaron 17 estudantes (13 rapaces e 4 rapazas) de educación secundaria, bacharelato e formación profesional de grao medio de toda Galicia, procedentes de once centros educativos das cidades da Coruña, Ourense, Santiago e Vigo, pero tamén de localidades como A Estrada, Culleredo, Noia, O Barco de Valdeorras e O Porriño.
Os gañadores foron: en primeira posición Óscar Carballo Puebla, natural de Castro de Rei (Lugo), e estudante de formación profesional do CPR Plurilingüe Liceo La Paz; e no segundo posto Paula Taibo Suárez, de Culleredo e estudante de 2º de Bacharelato do IES Rego de Trabe do mesmo municipio coruñés.
Os dous finalistas galegos acudirán á Fase Nacional, que se celebrará os días 2 e 3 de abril en Madrid. O propósito das probas nacionais é seleccionar estudantes para participar na Olimpíada Internacional de Informática 2022, que este ano terá lugar do 7 ao 14 de agosto en Indonesia.

PUBLICIDADE