Os vídeos de TikTok poderán ter notas ao pé

mércores, 16 de abril do 2025 Redacción

TikTok anunciou o lanzamento en fase de proba dunha nova funcionalidade chamada Footnotes ou Notas ao pé, deseñada para ofrecer máis contexto sobre o contido que se publica na plataforma. Esta ferramenta, que comezará a testarse nos Estados Unidos en vídeos de formato curto, permitirá que a comunidade engada información relevante a contidos que poidan necesitar clarificacións ou explicacións adicionais.
A iniciativa insírese dentro do conxunto de medidas da compañía para fomentar a comprensión crítica e o acceso a fontes fiables, sumándose a outras ferramentas como as etiquetas informativas, os banners de busca ou o programa de verificación de feitos, e parece enfocada a satisfacer as demandas da Administración Trump, ao seguir un enfoque semellante ás Notas da Comunidade de X/Twitter.
Para participar, os usuarios deberán cumprir unha serie de requisitos: ter máis de seis meses de actividade na plataforma, ser maiores de 18 anos e non contar con infraccións recentes das Normas da Comunidade.
Unha vez aceptados no programa, os colaboradores poderán engadir notas explicativas aos vídeos e valorar as achegas doutras persoas. A publicación das notas rexerase por un sistema de clasificación baseado en pontes, inspirado noutros modelos de código aberto empregados noutras redes sociais. Este método busca identificar puntos de acordo entre persoas con opinións distintas, garantindo que só se fagan visibles as notas consideradas útiles por unha diversidade de perfís.
Desde a compañía destacan que canto maior sexa a participación e diversidade temática, máis eficaz será o sistema; e subliñan que Footnotes reforza o compromiso de TikTok coa integridade informativa.