Os últimos xogos de Tomb Raider de Core Design terán remasterización

venres, 11 de outubro do 2024 Marcus Fernández

En febreiro chegaron a PlayStation 4 e 5 os tres primeiros xogos da serie orixinal de Tomb Raider nunha versión remasterizada que foi moi ben recibida, e agora anuncian que o 14 de febreiro de 2025 porán á venda a remasterización que incluirá as tres seguintes entregas de Tomb Raider.
Tomb Raider IV-V-VI Remastered é froito do traballo conxunto entre Aspyr e Crystal Dynamics, que deste xeito completan a hexaloxía orixinal de Lara Croft. Mentres a anterior recompilación incluía títulos con xogos numerados, no caso das entregas da cuarta á sexta os títulos son máis complicados de identificar: Tomb Raider: The Last Revelation, Tomb Raider: Chronicles e Tomb Raider: El Ángel de la Oscuridad.
Estes novos xogos serían os últimos desenvolvidos por Core Design, que recibiu malas críticas da última entrega, de aí que a seguinte triloxía de Lara Croft pasase a mans de Crystal Dynamics.
Tomb Raider IV-V-VI Remastered chega coas aventuras de Lara Croft case inalteradas, de xeito que a xogabilidade mantense e os cambios limítanse a unha remasterización gráfica, para que os xogos poidan verse de xeito aceptable en consolas actuais. O que si incluirán estas revisións son trofeos e modo foto.
A nova recompilación pode reservarse xa a un prezo oficial de 29,99 euros (contando os subscritores de PlayStation Plus cun desconto do 10%).

Anuncio desta nova remasterización